11.10.05

Papeleiras

O goberno uruguaio está querendo instalar na beira do río Uruguai un par de celulosas igualiñas ás que nós estamos querendo quitar da ría de Pontevedra: unha mesmo é de ENCE, a outra é de capital sueco.

O goberno arxentino oponse á xogada, argumentando que o río é un ben común (marca o límite entre os dous países) e que, segundo os tratados bilaterais, calquera actividade industrial que produza algún tipo de contaminación no río debe ter o visto bo das dúas partes.

Uruguai esgrime uns informes de impacto que minimizan o efecto negativo das celulosas na auga. Arxentina non acepta eses informes (non me estraña).

Os acordos para a instalación das fábricas proveñen de acordos de cooperación asinados entre os lamentábeis gobernos anteriores (Batlle en Uruguai e Aznar-Fraga deste lado).

Arxentina confiaba en que o cambio de goberno en Uruguai permitise reconducir as negociacións para frear o proxecto, pero a realidade é que as empresas celulosas financiaron tamén a campaña electoral de Tabaré Vázquez, polo que a actitude do novo goberno frenteamplista non está a ser a esperada polos arxentinos.

O Banco Mundial, por presións arxentinas, suspendeu hai pouco o crédito que ía librar para a financiar a instalación das fábricas.

O de sempre: as empresas procuran quitar o máximo proveito ás tecnoloxías aínda cando están comprobados os seus efectos negativos para o ambiente. Nos países desenvolvidos atopan presións contrarias. Nos países pobres as reticencias son menores porque as necesidades de investimento e de postos de traballo son enormes.

Nos países desenvolvidos estamos empezando a aprender que a ecuación ten que pechar a longo prazo. Aos gobernos dos países pobres o único que lles interesa é chegar a fin de mes.

Nota bene: facer hipóteses no aire é arriscado, pero apostaría a que, se as celulosas se fosen instalar en Arxentina, as posturas dos respectivos gobernos serían xustamente as contrarias.