9.11.05

De estatutos e actitudes

Está lonxe do meu alcance determinar se a aprobación do novo Estatut vai producir mellores ou peores condicións de vida na poboación catalana ou se vai repercutir negativamente na economía de Extremadura.

Intúo que calquera afirmación terminante nun ou noutro sentido está máis motivada por intereses políticos do que por análises científicas.

De feito, sospeito que a posición da dereita en toda esta lea está só motivada no interese de captar votos. E no mar revolto da españolidade ferida é doado facelo.

Preocúpame que a estratexia política da dereita se reducise a unha carreira desenfreada por ocupar o poder. Xa non existe a negociación nin o debate. A política só serve para gobernar ou, no seu defecto, para destruír o goberno dos outros e volver gobernar. Calquera argucia ou estratexia vale.

E os medios de comunicacións da dereita (case todos) colaborando desinhibidamente nesta tarefa.

E a maioría da xente facéndose eco das súas campañas vergonzosas.

A sensación que me queda é de profunda tristura e desesperanza.

3 Comentarios:

Anonymous Anónimo dixo...

Tes razón. O PP está izando a bandeira do "orgullo patrio español ferido ante a conspiracións de roxos e separatistas". É curioso ver como a política é cíclica. Lin hai pouco un libro de Eduardo Gutiérrez sobre Alexandre Bóveda e moitas das afirmacións Bóveda nos seus artigos está hoxe en vigor, é tema de actualidade. E o mesmo se podía dicir de Calvo Sotelo "prefiero una España roja, antes que rota", rescatado polo PP. Etc... Na política non se inventou nada que non se dixera antes.

13/11/05 15:10  
Blogger hojasdehierba dixo...

Estou dacordo. O certo é que gostaría de poder formar unha opinión realmente independente sobre o Estatut, pero con tanto rebumbio é ben difícil.
Sei que non me gusta o asunto "financiación", paréceme coma se confiasemos en que un millonario aportará cartos ás arcas públicas para fins redistributivos (vaia, que non me creo nada). Pero sobre todo o resto... estaría ben fuxir tanto da demonización como do enaltecemento e poder falar realmente das súas avantaxes e inconvenientes.
Pero parece que, coma sempre, non nos van deixar. Non vaia ser que pensemos.

13/11/05 17:47  
Blogger edu dixo...

A verdade é que hai días que me gustaría ser quen de soster unha actitude revolucionaria diante desta situación patética.

Pero a política e os seus negocios ultimamente só me producen tristeza.

Cando menos, quedo coa pequena esperanza de que estas reflexións (moitas veces só preguntas) deitadas aquí por min e por todos os que por aquí pasades poidan servir para que alguén tamén se faga preguntas.

Xa sería un gran paso.

13/11/05 18:05  

Enviar um comentário

<< Voltar