25.8.05

Reflexións afumadas

Di o dicionario da RAG:
pirómano -a s. Persoa con tendencia obsesiva a provocar incendios.
Isto é: unha patoloxía psicolóxica. O termo, xa que logo, non é aplicábel ás persoas que prenden lume no monte por motivacións prácticas ou económicas ou por simples envexas entre veciños.

A Xunta ten catalogadas cen causas para os lumes. Segundo as súas estatísticas, as máis recurrentes son as vencelladas ao uso do monte arborado para pastoreo e ás envexas entre veciños.

Existe, entre as causas tipificadas, unha relacionada coa especulación coa madeira queimada. Co incendio do monte de eucalipto especula a industria celulosa (tal e como se explica href="http://www.capitalrevista.es/capital/home.jsp?idapr=1_298_esp_1__"
target="_blank">neste artigo). Co incendio do monte de piñeiro, en cambio, quen se beneficia é a industria do móbel. O que resulta curioso é que a especulación coa madeira queimada non figura entre as causas de incendios máis habituais.

Canto á frase tan oída "os incendios apáganse no inverno". Parece claro que a (non) limpeza dos montes provoca a máis rápida extensión do lume e mais dificulta as labouras de extinción.

(Utilizo o concepto de monte limpo tal e como se entende de modo extenso ao falar de incendios, quer dicir, monte de uso forestal ao que non se lle controla o crecemento do monte baixo. Aínda así habería que cuestionarse este uso, que pode ter unha serie de connotacións erradas.)

Por que, logo, o monte non está limpo?

Parece evidente que a resposta se circunscribe a motivos económicos. Manter o monte limpo custa cartos e as explotacións forestais non producen o rendemento necesario. Isto sen considerar que parte importante do terreo forestal é de acceso dificultoso por mor da orografía, o que complicaría as (inexistentes ou, cando menos, escasas) tarefas de limpeza.

As épocas de grandes incendios son cíclicas. A maiores dos efectos climáticos (sequía, calor, vento), é ben certo que nunha zona onde este ano se produce un gran incendio, os próximos anos serán de calma.

(Habería que estudar con detenemento as estatísticas para ver se a xeralización dos grandes incendios non responde tamén a ciclos relacionados co prezo/escaseza na oferta de madeira.)

Asumamos, simplemente, que os incendios nas explotacións forestais "deben" ocurrir periodicamente para resolver a limpeza dos montes.

Excluíndo os incendios producidos por envexas entre veciños -nestes casos a solución pasaría por un profundo, longo e complicadísimo proceso de intervención cultural, mesmo psico-social-, todo indica que unha porcentaxe importante dos incendios e dos seus efectos podería evitarse solucionando a cuestión da limpeza dos montes.

Se os propietarios de terreos forestais non poden afrontar o custe da limpeza dos montes, será porque os mercados non permiten obter da madeira os beneficios necesarios. Velaquí outra das consecuencias que (as sociedades d)os países desenvolvidos están empezando a pagar polo proceso de globalización que, doutra banda, tantos beneficios reportou durante estes anos aos seus sectores industriais.

Pero que o propietario non poida pagar a limpeza do terreo arborado tampouco non se soluciona con incendios. Ou alguén pensa que apagar incendios é gratis? A diferenza, evidentemente, está en quen paga e cando se paga o custe da limpeza do monte. Se o propietario do terreo non o paga no seu tempo, pagámolo todos ao se acenderen os lumes, mantendo unha enorme (e, porén, insuficiente) estructura de extinción e correndo cos gastos económicos, sociais e humanos que provocan tanto o lume como as tarefas de extinción.

Unha solución alternativa á limpeza manual dos montes sería a forestación con especies de folla caduca que, polo seu propio ciclo, manteñen naturalmente un control moito maior sobre o desenvolvemento das especies arbustivas que facilitan o espallamento do lume (noutros termos: axudan a manter o monte limpo). O problema das especies de folla caduca é que o seu crecemento é moito máis lento, polo que o rendemento económico das explotacións non pode ser tan especulativo. Pero esta é unha ecuación falaz cando o prezo do eucalipto está polo chan. A diferenza está en recoller dous pesos por ano ou ter que esperar 10 anos para recoller 20 pesos.

Moi erradas foron as políticas da Xunta nestes últimos anos que favoreceron o desenvolvemento da produción forestal de piñeiros e eucaliptos, cultivo especulativo de rendemento rápido, que ofrece beneficios a curto prazo ao prezo de agostar máis rápidamente os recursos naturais, arrinconar a vexetación autóctona e, como xa foi dito, complicar as labouras de limpeza do monte arborado.

Será agora necesario un longo proceso de redeseño da cultura forestal do país para que se vaian pouco a pouco resementando as zonas devastadas polos incendios con especies autóctonas (nogueira, castiñeiro, cerdeira, ...) de folla caduca.

Tamén haberá que reconsiderar o uso dos terreos, recuperar moitas zonas para a gandeiría de monte, en definitiva, redeseñar completamente o uso do terreo rural galego.

De todos os xeitos, un primeiro paso podería ser forzar a reforestación con especies axeitadas nas zonas próximas ás poboacións. Como mínimo un radio de 500 metros dende os límites habitados debería sementarse obrigatoriamente con especies que faciliten a xestión dos incendios.

NOTA: agradezo as colaboracións recibidas para escribir este post. Nomeadamente a de Xabier V. Pumariño que seica prepara un traballo detallado sobre este tema. En canto estea publicado haberá aquí, naturalmente, unha ligazón ata alí.

3 Comentarios:

Blogger acedre dixo...

Mui bo o post.
Eu tenho claro que se necesitan especies caducas nos montes e que o monte ten que estar limpo.
Dese xeito o traballo dos piromanos seria mais dificil e o de control mais doado.
Ben mastigado.

26/8/05 05:33  
Blogger edu dixo...

Non sei se lle parecerá ben, porque a redacción é un pouco de andar por casa, pero vou copiar un anaco dun correo de Xavier V. Pumariño no que me apuntaba este asunto do concepto "monte limpo".

Cito:
"Odio este concepto. Limpo? Está cheo de plásticos? Non, está con monte baixo, non? Ben, pois hai seres que se comen o monte baixo, como os hervíboros... No fondo deste concepto subxace parte do problema: considerar un monte 'sucio' que é un concepto negativo, é dicir, lugar onde se agocha o lobo, o raposo, os maquis e todos os malos e animais perigosos. Así, moitos vellos e xente do rural 'limpan' o monte, si, con lume."

A verdade é que os apuntes que me fixo á primeira versión do post non teñen desperdicio pero, como xa apuntei, está preparando un artigo sobre o tema que xa enlazarei dende aquí.

26/8/05 08:50  
Blogger edu dixo...

Xabier Cordal publica un artigo interesante sobre o tema do lume en Vieiros. É a respecto das relacións políticas do lume.

29/8/05 14:13  

Enviar um comentário

<< Voltar