10.5.06

días de desencontros

eu levo días e días ocupada en remoer diversos asuntos pero ohqtomr está tan liado co premio ese e mais coa presentación duns libros que non lle dá tempo a cumprir coa acción que lle permite facerce merecedor do seu acrónimo.

hoxe conseguín que me transcribise esta enumeración:

- outro tetrapléxico decide rematar coa súa vida e a única reacción do estado é buscar as persoas que o axudaron a exercer o seu dereito á liberdade para penalizalas.

- os deputados galegos membros da comisión da reforma do estatuto están máis ocupados de se galiza é unha nación ou non o é do que de calquera outra aportación que os grupos sociais que comparecen na comisión poden facer a unha reforma que non pode limitarse só a ese asunto.

- o ministro de traballo sae a cantar louvanzas da reforma laboral acordada cos sindicatos e mais a patronal. permitirá, di, mellorar a estabilidade no emprego sen afectar a necesaria flexibilización laboral. e ninguén se sorprende de que a flexibilización laboral sexa presentada xa unha "necesidade" e que un goberno supostamente de esquerdas vaia por aí gabándose de favorecela.

- suso pensado presentou o sábado pasado nas pontes o seu primeiro libro, a tarde, gañador da terceira edición do premio de poesía uxío novoneyra. o libro está editado por espiral maior e é realmente magnífico.

- tamén mario regueira presenta o próximo sábado no casino de fene o seu primeiro libro de poemas, tanxerina. o libro gañou o ano pasado a XVIII edición do premio de poesía xosemaría pérez parallé. edita tamén espiral maior. o verso de mario regueira é fluido e suxestivo, cheo de recendos africanos e palabras de loita.

- blogaliza estrea servidor de blogues e este ollo prepara a súa mudanza para facela coincidir co primeiro aniversario de remoementos, que será en xuño.

- a piscifactoría de touriñán non se construirá. como xa comentamos noutra ocasión, unha piscifactoría na costa galega ofrece uns poucos postos de traballo reais e beneficios para unha empresa, ao tempo que produce a destrución da paisaxe. a conservación da paisaxe favorece a industria turística, o que produce máis postos de traballo e beneficios con mellor distribución social. xa que logo, non vexo por que a xunta ten que ofertarlle a pescanova outras localizacións para esa piscifactoría. o eslógan sería: piscifactoría en touriñán, non. e en ningún outro sitio da costa galega.

a ver se para a semana, a vida d'ohqtomr se ordena un pouco e podemos conversar con algo máis de vagar.

1 Comentarios:

Blogger edu dixo...

spam?

16/5/06 12:32  

Enviar um comentário

<< Voltar