29.5.06

a cultura circula

tiven estes días unha conversa cunha persoa (omito o nome, aínda que supoño que non tería ningún inconvinte se non o fixese) que me ofreceu un par de reflexións sobre o proxecto da consellería de cultura "a cultura circula" que me pareceron moi interesantes e que quero compartir convosco.

vaia por diante: 1) que a persoa autora das reflexións foi convidada a participar n'a cultura circula e non aceptou por problemas de dispoñibilidade, 2) que non vin a carpa nin participei en absoluto d'a cultura circula porque non tiven ocasión, 3) que non por enunciar eu estas ideas é que estea de acordo con elas (nin o contrario), senón que me parece interesante deixalas aquí para reflexionarmos entre todos.

dicía esta persoa que lle parece que o investimento cultural debería estar máis orientado á construción ou sostenemento dun tecido estábel de difusión e creación, que á posta en marcha dun proxecto puntual de duración determinada e presencia efémera nos sitios nos que ocorre.

dicía que as enerxías que os concellos e os medios de comunicación destinan a'a cultura circula durante os días nos que se instala a carpa fagocitan a difusión e promoción das actividades ordinarias da xente que de modo regular leva adiante accións deste tipo neses sitios.

remoendo sobre este mesmo asunto, penso que non é mal pensar en crear tecidos estábeis de promoción e difusión cultural, tecidos que sobrevivan mesmo a cambios de goberno. non me parece mala idea apoiar a andadura (ou a creación) de colectivos locais que son os que van ficar cando marche a carpa.

sei que a xente que traballa na carpa está entrando en contacto con colectivos locais para determinadas accións. pero non teño a impresión de que entrasen en contacto con tampo abondo como para sumar enerxias, para aunar esforzos, mesmo para teren as asociacións locais en conta á hora de deseñar as actividades da carpa...

en fin, que agardo que estes comentarios sexan lidos con espírito xeneroso por uns e outros. como aportacións construtivas mesmo dende o moito descoñecemento do proxecto e a súa posta en práctica. vaia iso, tamén, por diante.

7 Comentarios:

Anonymous Anónimo dixo...

Moi boa reflexom e moi necessaria, aliás. Sen restar valor a iniciativas coma "A Cultura Circula" que polo que eu sei achegou grupos e actuaçoms que doutro jeito nom terían chegado a moitos lugares, botase em falta um esforço serio por criar um tecido cultural, proprio e na medida do possivel autogestionado entre todos os agentes culturais do pais. Se cadra nom é nada vistoso em comparaçom coas carpas e os fogos de artificio, máis diria que é bastante máis necessario.

29/5/06 22:29  
Blogger edu dixo...

algunhas averiguacións posteriores permítenme engadir que, efectivamente, para a carpa d'a c.c. si se convocou a grupos locais para actuaren.

unha persoa coa que conversaba sobre este asunto onte dicíame que pensaba que non era mal utilizar golpes de efecto (como pode ser este proxecto) para chamar a atención sobre un produto (a cultura, neste caso) que require difusión e coñecemento por parte da xente.

paréceme ben. non estou a dicir que non se é boa idea facer cousas rechamantes como a c.c. pero si creo que o reclamo que significa unha actividade como esa perde forza se non está moi ligado á acción cotiá e duradoira dos grupos e asociacións que permanecen nos sitios.

é dicir, volto sobre a idea de que estas accións son máis efectivas se se deseñan contando coa participación das xentes que fan cultura nos sitios onde a carpa e mais o bus van aterrar.

30/5/06 12:03  
Anonymous Anónimo dixo...

Disque os indios apuntaban tirando unha flecha por arriba e miraban onde caía; despois tiraban outra por abaixo, e miraban onde caía. Con iso, sabían por onde tiñan que apuntar nas seguintes flechas para lle atinar ó blanco. A Cultura Circula non me parece mala idea porque parece ter a intención de popularizar unha forma de cultura distinta das galas de Xoan Pardo e demáis eventos de outros anos. Está ben, para ser a primeira campaña de esta administración (flecha por arriba). Estaría ben que o ano que próximo intentaran algo máis localizado, e más autosostible (flecha por abaixo) e, das dúas experiencias, trataran de crear ese tecido cultural permanente, que combine as actividades de cada vila, coa posibilidade de "circular" cousas para que se vexan en toda Gaicia.

1/6/06 16:27  
Blogger edu dixo...

pode ser que teñas razón F. só que teño a sensación de que o tempo pasa e pasa e que xa vai sendo hora de empezar a atar cousas en serio... non vaia ser que dediquen esta lexislatura a facer puntería e cando teñan a mira en condicións lles quiten o arco e mais as frechas.

1/6/06 16:50  
Anonymous Anónimo dixo...

Eu teño esa mesma sensación de que había que estar xa a enmendar mil cousas, pero bueno, despois sempre penso que as administracións móvense por exercicios anuais e un ano é o mínimo que se debe agardar.

2/6/06 00:39  
Blogger Zerovacas dixo...

Teño debatido este tema dende o primeiro día (estiven en lugo o primeiro sábado) con bastante xente. E aínda que creo (iso lin por aí) que en Culleredo a cousa non foi mal (de xente digo), creo que si cómpre facer unha reflexión. Creo que a programación (sobre todo o feito de combinar bós artistas internacionais con bandas galegas) e a organización merecen unha boa cualificación.
O erro estivo na promoción (mellorou cara ao final pero seguiu sendo escasa) e noutros aspectos loxísticos: os espectáculos comezaban cedo de máis (sobre todo os venres: hai xente que traballa pola tarde), non había autobuses para desprazarse das cidades ás vilas (da Coruña a Culleredo...), etcétera.

Pero quizais habería que facer unha reflexión máis fonda e pesimista, e concluír que en Galicia só é viábel facer espectáculos de certa dimensión en Coruña, Santiago e Vigo, combinados con servizos de autobuses dende as vilas...

5/6/06 14:13  
Anonymous Anónimo dixo...

polo que eu sei, algún concello non fixo moito máis que reclamar unha actuación no municipio e ceder o terreo para situar a carpa... quero dicir, que non existe unha vocación municipal de artellar unha rede de actuacións continuadas, senón simplemente a de acumular cantas máis actividades mellor para logo presumir delas cando cheguen as eleccións... os contidos importan ben pouco, o caso é que haxa algo... sen ese esforzo dos municipios, supoño que será ben difícil facer algo...
outro cousa que deberían solucionar: nun acto organizado por unha institución pública resulta indignante que non te deixen entrar de novo se queres saír, obrigándote así a consumir dentro da carpa... pareceume vergonzoso!

9/6/06 18:24  

Enviar um comentário

<< Voltar