31.8.05

Quinielas

Hoxe sae unha breve quiniela en Vieiros sobre o nome da persoa que ocupará a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Curiosamente os medios non estiveron facendo quiniela ningunha sobre ese posto.

E mais hai outras leiras sen dono sobre as que me gustaría saber algo e seguimos igual: quen dirixirá o IGAEM (e, consecuentemente, quen o CDG)?, e os mandos da CRTVG?

Será que terei que irme de vacacións e vacacións coa incógnita nas costas?

Segue cheirando a fume

Como o prometín, velaquí a ligazón ao anunciado artigo de Xabier Vázquez Pumariño en Vieiros sobre o tema dos Lumes.

E mais unha das fotos que saquei dun incendio en Lousame.

26.8.05

Fino humor para abrir a fin de semana


(Facendo clic na imaxe védela máis grande)

Podedes ver máis tiras de "Macanudo" aquí

25.8.05

Reflexións afumadas

Di o dicionario da RAG:
pirómano -a s. Persoa con tendencia obsesiva a provocar incendios.
Isto é: unha patoloxía psicolóxica. O termo, xa que logo, non é aplicábel ás persoas que prenden lume no monte por motivacións prácticas ou económicas ou por simples envexas entre veciños.

A Xunta ten catalogadas cen causas para os lumes. Segundo as súas estatísticas, as máis recurrentes son as vencelladas ao uso do monte arborado para pastoreo e ás envexas entre veciños.

Existe, entre as causas tipificadas, unha relacionada coa especulación coa madeira queimada. Co incendio do monte de eucalipto especula a industria celulosa (tal e como se explica href="http://www.capitalrevista.es/capital/home.jsp?idapr=1_298_esp_1__"
target="_blank">neste artigo). Co incendio do monte de piñeiro, en cambio, quen se beneficia é a industria do móbel. O que resulta curioso é que a especulación coa madeira queimada non figura entre as causas de incendios máis habituais.

Canto á frase tan oída "os incendios apáganse no inverno". Parece claro que a (non) limpeza dos montes provoca a máis rápida extensión do lume e mais dificulta as labouras de extinción.

(Utilizo o concepto de monte limpo tal e como se entende de modo extenso ao falar de incendios, quer dicir, monte de uso forestal ao que non se lle controla o crecemento do monte baixo. Aínda así habería que cuestionarse este uso, que pode ter unha serie de connotacións erradas.)

Por que, logo, o monte non está limpo?

Parece evidente que a resposta se circunscribe a motivos económicos. Manter o monte limpo custa cartos e as explotacións forestais non producen o rendemento necesario. Isto sen considerar que parte importante do terreo forestal é de acceso dificultoso por mor da orografía, o que complicaría as (inexistentes ou, cando menos, escasas) tarefas de limpeza.

As épocas de grandes incendios son cíclicas. A maiores dos efectos climáticos (sequía, calor, vento), é ben certo que nunha zona onde este ano se produce un gran incendio, os próximos anos serán de calma.

(Habería que estudar con detenemento as estatísticas para ver se a xeralización dos grandes incendios non responde tamén a ciclos relacionados co prezo/escaseza na oferta de madeira.)

Asumamos, simplemente, que os incendios nas explotacións forestais "deben" ocurrir periodicamente para resolver a limpeza dos montes.

Excluíndo os incendios producidos por envexas entre veciños -nestes casos a solución pasaría por un profundo, longo e complicadísimo proceso de intervención cultural, mesmo psico-social-, todo indica que unha porcentaxe importante dos incendios e dos seus efectos podería evitarse solucionando a cuestión da limpeza dos montes.

Se os propietarios de terreos forestais non poden afrontar o custe da limpeza dos montes, será porque os mercados non permiten obter da madeira os beneficios necesarios. Velaquí outra das consecuencias que (as sociedades d)os países desenvolvidos están empezando a pagar polo proceso de globalización que, doutra banda, tantos beneficios reportou durante estes anos aos seus sectores industriais.

Pero que o propietario non poida pagar a limpeza do terreo arborado tampouco non se soluciona con incendios. Ou alguén pensa que apagar incendios é gratis? A diferenza, evidentemente, está en quen paga e cando se paga o custe da limpeza do monte. Se o propietario do terreo non o paga no seu tempo, pagámolo todos ao se acenderen os lumes, mantendo unha enorme (e, porén, insuficiente) estructura de extinción e correndo cos gastos económicos, sociais e humanos que provocan tanto o lume como as tarefas de extinción.

Unha solución alternativa á limpeza manual dos montes sería a forestación con especies de folla caduca que, polo seu propio ciclo, manteñen naturalmente un control moito maior sobre o desenvolvemento das especies arbustivas que facilitan o espallamento do lume (noutros termos: axudan a manter o monte limpo). O problema das especies de folla caduca é que o seu crecemento é moito máis lento, polo que o rendemento económico das explotacións non pode ser tan especulativo. Pero esta é unha ecuación falaz cando o prezo do eucalipto está polo chan. A diferenza está en recoller dous pesos por ano ou ter que esperar 10 anos para recoller 20 pesos.

Moi erradas foron as políticas da Xunta nestes últimos anos que favoreceron o desenvolvemento da produción forestal de piñeiros e eucaliptos, cultivo especulativo de rendemento rápido, que ofrece beneficios a curto prazo ao prezo de agostar máis rápidamente os recursos naturais, arrinconar a vexetación autóctona e, como xa foi dito, complicar as labouras de limpeza do monte arborado.

Será agora necesario un longo proceso de redeseño da cultura forestal do país para que se vaian pouco a pouco resementando as zonas devastadas polos incendios con especies autóctonas (nogueira, castiñeiro, cerdeira, ...) de folla caduca.

Tamén haberá que reconsiderar o uso dos terreos, recuperar moitas zonas para a gandeiría de monte, en definitiva, redeseñar completamente o uso do terreo rural galego.

De todos os xeitos, un primeiro paso podería ser forzar a reforestación con especies axeitadas nas zonas próximas ás poboacións. Como mínimo un radio de 500 metros dende os límites habitados debería sementarse obrigatoriamente con especies que faciliten a xestión dos incendios.

NOTA: agradezo as colaboracións recibidas para escribir este post. Nomeadamente a de Xabier V. Pumariño que seica prepara un traballo detallado sobre este tema. En canto estea publicado haberá aquí, naturalmente, unha ligazón ata alí.

Agosto

O meu correo electrónico estes días hai momentos en que parece que non funciona.

E, a pesar das estatísticas, semella que polo ollo da vaca neste agosto non mira nin "Aisa", que xa é dicir.

As vacas galegas non marchamos de vacacións. Rumiamos ininterrumpidamente.

Estes días ando a darlle voltas a un post sobre os incendios. A ver se hoxe ou mañá podo colgalo, pero esta foto é un bo adianto:

18.8.05

Barreiro

Despois de ler a súa columna de hoxe, pregúntome que lles queda, despois de falar Barreiro, aos analistas políticos da esquerda.

A doctrina Kirchner

A propósito do caso Roquetas, lembrei varios artigos que lera hai un tempo sobre o que en Arxentina se coñece como "Doctrina Kirchner", creada (ou copiada pero non sei de onde) polo presidente dese país para xustificar os movementos do seu goberno en favor de xulgar os militares responsábeis de crimes de Estado durante os anos 70.

A doctrina Kirchner consiste en non considerar as Forzas Armadas como responsábeis dos crimes dos seus membros. Xa que logo, para limpar a súa imaxe pública, as Forzas Armadas deben colaborar coas accións da Xustiza tendentes a que os que cometeron os crimes sexan xulgados e cumpran as condenas que a xustiza lles impoña.

Nun artigo recente, Javier Ortiz comenta a pouca atención que os distintos gobernos do Estado prestan ás reiteradas denuncias da ONU, de Amnistía Internacional, do Comité Europeo para a Prevención da Tortura e doutros organismos internacionais sobre torturas nos procedementos policiais españois.

A actitude dos mandos da Garda Civil e mais do Goberno Español deberían ser claras neste senso. O ocultamento ou omisión a respecto de denuncias de conductas ilegais por parte de membros das forzas de seguridade no exercicio da profesión é o que destrúe os corpos implicados e non a denuncia e proceso xudicial destes feitos cando ocorren.

Porén, a doctrina Kirchner non acaba de ter acollida. O corporativismo dos corpos de seguridade empéñase en agochar os crimes dos seus membros e fanse cómplices. Os gobernos (independentemente do seu "talante") déixanse levar pola forza do mesmo corporativismo e iso ten dúas consecuencias claras: afundirse nos mesmos lodos e incumprir as súas obrigas.

Non é que me preocupe moito o prestixio das forzas de seguridade pero, visto que están alí, preocúpame a impunidade coa que se moven, coa que permitimos que se movan.

A Garda Civil, con Roquetas, actúa exactamente igual que o fixeron as forzas armadas latinoamericanas durante a represión dos 70.

Algo haberá que aprender, digo eu.

11.8.05

...e outro nome celebrábel

Segundo El Correo Gallego de hoxe, Luís Bará será o novo Director Xeral de Cultura. A decisión honra á titular da consellería.

10.8.05

Un nome discutíbel

Segundo informaba onte El Correo Gallego, José Vázquez Portomeñe será o novo Secretario de Traballo na Consellería homónima.

O personaxe fora Director Xeral de Relacións Laborais no goberno do PP ata finais de 2004.

Se a información é certa, opino que o Conselleiro de Traballo tivo unha pésima idea. Non vou valorar a valía para o posto de Vázquez Portomeñe porque non teño os elementos precisos. Pero a min pareceume unha falta de respecto aos que votamos o cambio.

Téñase en conta que non se trata unicamente de nomear a unha persoa que formou parte do réxime aborrecido, senón que, a maiores, o personaxe procede dunha das célebres familias instaladas na administración polos sucesivos gobernos do PP (é irmán do que fora Conselleiro de diversas consellerías e actualmente senador do PP por Pontevedra e tío de Víctor Manuel Vázquez-Portomeñe Seijas, xerente da tristemente célebre Fundación Arao).

O BNG debería protestar antes este posíbel nomeamento. O Presidente da Xunta debería evitar esta protesta.

9.8.05

Verdadeira poesía galega

Seguro que xa todo o mundo pasou por esta páxina. A golpe de referencias, sospeito que as súas estatísticas de acceso deberon ter un subidón na última semana.

Só quería deixar aquí constancia do meu firme apoio á idea. Había ben tempo que ninguén facía nada de proveito na poesía galega!

Movementos migratorios

Segundo o Instituto Galego de Estatística (ver) en 2003 o saldo migratorio galego é positivo (quer dicir: máis xente vén da que se vai).

Deste dato botou man Fraga no debate de investidura de Touriño para facer defensa da súa xestión á fronte do goberno galego nos últimos 16 anos.

Pero non hai que rañar moito nas cifras para decatarse de que a información ten moitos matices.

Vexámolo máis polo miúdo.

Segundo o IGE, 22.548 persoas marcharon en 2003 de Galiza. Un escaso 9,9% foi procurar destino fóra do Estado, pero máis dun 90% procurárono dentro. Os destinos preferidos son, en orde, Canarias (20,2%), Madrid (13,5%), Catalunya (13,0%), Andalucía (6,9%), Castela e León (6,8%), Valencia (6,6%), Baleares (5,4%) e Euskadi (4,4%).

No senso contrario, 33.723 persoas viñeron nese mesmo ano instalárense no país. Delas, un 49,4% provén do resto do Estado (as principais comunidades de orixe coinciden coas de destino) e un 50,6% doutros países. Por países de orixe, como era de esperar un 63,8% chega dende América Latina, un 27,4% de Europa (algo menos da metade deste grupo provén de fóra da Europa dos 25) e un 5,9% vén de Asia, África e Oceanía.

Unha revisión das cifras por nacionalidade indica que un 60% dos inmigrantes procedentes de Europa son retornados. Esta porcentaxe redúcese ao 40,1 para o grupo dos procedentes de América Latina e ao 9,3 para os procedentes de África, Asia e Oceanía.

De todo isto vou sacar algunhas conclusións sinxelas:

- Os galegos seguimos precisando marchar do país para traballar.
- Moitas partes do Estado Español resultan destinos atractivos.
- Galiza, por contra, resulta destino atractivo para unha maioría de cidadáns estranxeiros, nomeadamente de América Latina.
- Unha parte importante dos galegos que emigran a outros sitios do Estado ou ao estranxeiro regresan (debe ser que non todo é turismo na emigración).

Con frecuencia escóitase dicir que os inmigrantes (nomeadamente os latinoamericanos) chegan aquí pensando que isto é o paraíso. Non digo que esta afirmación sexa totalmente falsa (intúo que a propaganda electoral do PP contribúe tamén a esta imaxe). Pero a realidade é que Galiza ofrece unhas posibilidades que case ningún país de América Latina pode ofrecer hoxe en día.

Ao mesmo tempo, estas posibilidades non parecen satisfacer aos galegos, que escollen o camiño da emigración para atopar mellores condicións de vida.

É destacábel observar que, en cifras globais, un 66% dos inmigrantes en Galiza teñen a nacionalidade española, mentre que esa porcentaxe se reduce ao 18,3% na inmigración total do Estado, segundo o INE (ver).

A conclusión sinxela é que si, Galiza experimentou en todos estes anos un crecemento importante no emprego, pero hai algúns matices:

1) outras rexións do Estado tiveron un crecemento maior ou mellor.
2) o emprego galego non é un emprego de calidade polo que só resulta atractivo para xente que provén de situacións laborais terceiromundistas.
3) o emprego galego resulta atractivo sobre todo para aquelas persoas que teñen algún tipo de relación previa co país (retornados), mentres que a maioría dos inmigrantes en España prefiren a oferta doutros lugares do Estado.

Mellorar as condicións do emprego (calidade e cantidade) é, probabelmente, o principal desafío do novo goberno. E non o ten doado.

1.8.05

Poetas na toma de posesión

Nun dos seus últimos delirios publicados, o ex-patrón manifestou a súa preferencia pola poesía de Luis G. Tosar sobre a "das longas noites de pedra".

Nos actos de toma de posesión de mañá, María Pujalte lerá un poema do imprescindíbel Pimentel e mais outro do moi prescindíbel Xavier Seoane.

Chegoume por vías inesperadas a información onte, co engadido deste detalle: a inclusión do poema de Seoane foi teima de Touriño mentres que a de Pimentel foi dos seus asesores na confección do acto.

Agardo que, cando menos, non se lle ocorra ao neo-presidente emular as dotes de crítico literario do seu predecesor e facer (máis) públicas as súas preferencias.