30.6.05

Dous éxitos e algunhas derrotas

Dous éxitos:

1) Seguir sendo unha Rexión Obxectivo 1.

2) Que a UE considere a posibilidade de matizar o informe sobre contaminación na zona do Courel tras as "xestións" feitas polo candidato á sucesión do patrón.

Derrotas:

Oio insistentemente dicir que agora os amigos do PP serán substituídos polos amigos dos novos.

Non é que teña unha confianza cega nos políticos nin que crea realmente que isto non será así. Só dáme mágoa que empecemos este novo tempo derrotados.

A maioría votou cambio. Cambio nos modos de xestionar, non só cambio nas mans que se meten no bote.

Como dí mariademallou, que o fagan ben que, senón, botámolos tamén a eles. Agora que xa sabemos como se fai.

Derrotados, etc

1-Anécdota:
Onte ocorréuseme dicir nun sitio pouco axeitado que o PP perdera as eleccións.
"O PP gañou as eleccións, por se non o sabías" soltou unha, alporizada.
Pero curiosamente non vai gobernar... Será, logo, que perdeu as eleccións?

2-Lectura:
Recoméndovos os últimos dous artigos de Javier Ortiz. Fala da dobre moral coa que algúns enfrentan a realidade. Cómo a deforman para adaptala ao seu criterio de entender o mundo.

3-Reflexión:
O problema (problema = asunto) da existencia (da realidade, da verdade) que a filosofía situou sempre no centro do debate, increméntase (problema = inconvinte) hoxe pola interposición (mediación, mediatización) dese novo "constructor de realidade" que son os medios masivos de comunicación.

A distancia entre a realidade cotiá da xente e a realidade socialmente aceptada xa non só é enorme: no medio das dúas cousas interponse agora un muro traslúcido (non direi -aínda- "opaco") que pervirte e condiciona a ollada.

Debería, xa que logo, preocuparnos? Ou a estratexia será simplemente actuar, empezar a construír a nosa propia realidade?

4-Transcrición aproximada dun comentario radiofónico (non vén a conto ou tal vez si):
"Se a fame incitase os pobres a manter relacións homosexuais igual había máis bispos nas concentracións contra a pobreza do domingo pasado."

28.6.05

O día máis feliz

Un feliz día do orgullo gai.

O primeiro sen Franco nin Fraga.

Agora que o gato non está, os ratos saen e celebran.

Por fin!

Como era de esperar (e ninguén se atrevía a asumir, visto o visto), o voto emigrante só mudou a cara do patrón (que xa non destilaba moita ledicia nos últimos días).

Agora empeza o traballo de verdade.

Sería boa unha autocrítica inicial que axudase a cada quen a ser consciente do seu espazo. Non digo darse de latigazos, pero si asumir que a oposición (que ben soa iso!) ten un piso sólido.

O peor erro pode ser un goberno tépedo de deixar contentos a todos.

Son tempos de afirmacións ideolóxicas. Non se pode gobernar con medo. Os socialistas que miren a Lugo. O BNG, a Pontevedra. Son bos espellos onde ver que o cambio sen complexos é o que da bos resultados.

27.6.05

Quéreme-Non me quere


Aí tendes, para pasar o día... Agardo que non faga falta para a pasar a noite, tamén.

24.6.05

Xornalistas ou cociñeiros?

Non son xornalista. Así que igual vou comentar un asunto que é archisabido por tododiós. Mesmo eu "sabíao" (intuíao, supoñíao, ...). Será que hai cousas que un prefire non atender...

Pero é que hoxe lin un artigo na web Voz de Galicia e, pouco despois, lin outro sobre o mesmo tema en Terra.

Retoque aquí, retoque alá, pero exactamente o mesmo.

LVdeG di que a fonte é "Agencias". Terra di "Terra Deportes-EFE".

O traballo do xornalista consiste unicamente en cociñar refritos?

É un signo dos tempos. O século XXI será o de "Copiar"/"Pegar".

23.6.05

Finalmente d-1


Ese é o día da cadea que as vacas do millo (vaca1, vaca2, vaca 3, ...) están convocando. O domingo ás 13 en compostela. Esta vaca súmase entusiasta.

Teño un monte de dúbidas sobre o asunto do voto dos emigrantes. Menos dúbida teño sobre o dos estranxeiros, ao dicir de Cadaval (aínda que me pregunto como implementar esta diferenza e moitas outras cousas pregúntome).

Sobre o que non teño dúbidas é sobre o voto ilegal (roubado, puchereado, mercado, carrexado, defunto, desviado, ...)

De todos os xeitos, no día D+1 (goberne quen goberne) espero que alguén se pregunte por qué o PP quitou 37 votos dos do país na primeira escena do espectáculo electoral (tamén coñecida como día D-8).

Sobre o veto do Senado

Reflexión 1: O Senado vetou un proxecto de lei de matrimonio gai aprobado polo Congreso e, dentro duns días, o Congreso volverá aprobalo. Para que vale o voto do Senado? Neste caso, agradécese que as cousas estean así. Pero é evidente que, ou se reforma o Senado e a súa influencia na aprobación das leis ou mellor é poñerlle o pecho. Aforrariamos todos tempo e pasta.

Reflexión 2: Abstencións por motivos de conciencia son unha falsidade. Se a conciencia che di que Polaino ten razón, vota en contra, meu neno, dá a cara.

Reflexión 3: Din os bispos que a homosexualidade é unha "inclinación obxectivamente desordenada". É curioso como o termo "obxectivamente" se aplica de xeito falaz para dar validez ao adxectivo "desordenada", claramente subxectivo. "Inclinación"... aí téñoo máis complicado... Cara a onde? Cara a esquerda?

Reflexión 4: 131 votos a favor do veto. A maioría absoluta do Senado son 130. 119 votaron en contra, máis dúas abstencións. Paco non estaba. Igual que outros seis. Quen eran? Eu non sei o que fixeron cos meus repolos, pero si sei onde non foron dar a cara.

22.6.05

Preguntas psicopatolóxicas

Ninguén vai facer nada contra Aquilino Polaino?

Non vai pagar ninguén no PP por abrirlle as portas do Senado?

O senador do PP Agustín Conde pechou o discurso de Polaino calificándoo de "magnífico". Hoxe declara que "non comparte en absoluto" o idem. Ninguén vai facer nada con Agustín Conde?

Non ten nada que dicir o Colexio de Psicólogos?

Nin a Universidade Complutense da que é catedrático?

21.6.05

Apuntes camiño do 27-X

"Os emigrantes decidirán o goberno de Galiza."

Será que os galegos da diáspora (e toda a súa descendencia documentada) elixen 38 deputados?

No debate do domingo á noite Bello Janeiro dicía que non entendía como podían chegar a pactar dous partidos cuns programas electorais tan diferentes.

Preguntaríase Bello Janeiro por que o PP é absolutamente incapaz de pactar con ninguén?

Rajoy derrotado.

Derrota doce. De perder, será por un milímetro. E, en todo caso, que non fose por máis diferenza é, probabelmente, obra súa.

Aínda así, haberá que ver como manexa o seu gando cun Baltar fortalecido e un Feijoo máis golpeado.

Quintana derrotado. Pero como, semella, o BNG entrará no goberno, non haberá autocrítica ningunha.

Non a houbo despois da derrota nas europeas...

d+2 ou d-6?

Hoxe é un bo día para empezar.
Hoxe que non se sabe se o patrón seguirá na súa poltrona ou se outro(s) virán substituílo.
Ou si se sabe?
Moitos números lidos din que non seguirá.
Fiémonos e apostemos por d+1.
A min gustaríame oírlle o discurso ese que di ter preparado dende hai quince anos.
Pero o que máis me gustaría é, de aquí a catro anos, non ter que arrepentirme da miña escolla de hoxe.