30.12.05

ás ánimas perdidas que pasan por aquí...

unha chiscadela de ollo de vaca e que o 2006 vos sexa moi pero que moi propicio.

sede felices.

29.12.05

máis veciños na...

...xa longa lista da dereita.

veño de engadir os seguintes: depósito, der d'eiquí, e O ollo do porco (négome a opinar sobre o nome deste último).

os días de despois (II)

os días de despois
deixan unha pedriña xusto
entre as costelas

e se saes á rúa e chove

e se tes que erguerte da cama
erguer a alma da cama

e se se fai noite
e chove
entre as paredes da casa
(brancas)

os días de despois déixanme o corpo
abandonado entre as sabas
arrugadas e en silencio

28.12.05

rei de copas

engadín o rei de copas na miña lista de ligazóns.

foi un pracer coñecelo, veloso.

26.12.05

os días de despois

os días de despois
os reloxos pesan

así que cómpre exercitar a lentitude

ver como escorrega o
frío
por debaixo da porta

e fóra está gris

e dentro chove

e o silencio

-----

a mariademallou, grazas polo primeiro verso. sempre é bo ter por onde empezar.

23.12.05

vacas e touros

por pedido de pedro, fixen uns recontos para verificar a pouca normalización dos nomes das vacas e resultou así:
paloma: 6490 / pomba: 1061
blanca: 5367 / branca: 13
blanquita: 675 / braquiña: 2!

e, xa que estaba, aproveitei para botar un ollo á lista de touros.

é moito máis pequena cá de vacas e non é tan divertida pero bueno, algo dá de si.

a maiores dos obvios rocky, rambo, xacobeo, gable, tyson ...
e doutros superheroes batman, superman, popeye...
atopei algúns non tan obvios: cousteau, pentotal, pavarotti, camarón, megatrix, dúplex

están os futboleiros: valerón, donato, bekham, figo, rivaldo, ...
e os mitolóxicos: zeus, osiris, vulcano, midas, apolo, ...

hai moito touro (ou dono de touro) anglófilo: ambition, highlight, converse, spencer, ...

e, a maiores, as seguintes pérolas:
rubia (como lles gustan aos cabaleiros)
carne (premonitorio?)
leche (este debe ter un complexo curiosísimo)
golfo (moito non será, que aquí a maioría dos cruces son por inseminación artificial)
javito (ese non sae da corte)
macho (menos mal... dubidaríano nun primeiro momento?)
aristóteles (un touro pensante)
átomo (un touro pequeno)
bertamiráns (este é veciño meu)
imedio (será tamaño large)
bustamante e bisbal (para completar ot1)
petróleo (será pola cor? ou polo dono do bar de portozás?)
estai (de pesca (i)legal nos caladoiros do mar do norte)
dabuten (chulo madrileño)
bolívar (chavista)
zipizape (que é un só touro, non dous)
e infalible (un hacha, o tipo)

distinto que sucede coas vacas, os nomes dos touros non se repiten moito. o que máis, "magnum". hai catro touros con ese nome.

de dispersión, política e vinganza

o pp denucia alporizado que o pse apoie uns orzamentos vascos que inclúen unha partida de axudas de desprazamento para as familias dos presos de eta dispersos por todo o territorio do estado.

o psoe, arrastrado irreflexivamente pola imposición moral da dereita, di que apoia os orzamentos aínda que non estea de acordo con esas axudas.

esta vaca pregúntase cal é o razoamento que sostén a política de dispersión de presos de eta. porque entendía que se trataba dunha estratexia para restar forza ao colectivo de presos e mais para dificultar as tarefas de organización interna do movemento armado.

axudar aos familiares dos presos para que poidan visitalos alá onde están recluídos é un xesto humanitario. opoñerse é simplemente vinganza.

era vinganza, xa que logo, a razón da política de dispersión?

como xa dixen aquí algunha vez, facéndome eco de opinións escoitadas nun medio de comunicación, os colectivos de víctimas do terrorismo están no seu dereito de sentir rancor e desexar vinganza. pero eses desexos non poden determinar automaticamente as políticas de estado.

VisualObxectual

hoxe engado tamén este blog doutra amiga. levaba tempo pensando en facelo e esquecéndoo cando sentaba diante do maquinillo.

e un par de ligazóns para que coñezades a quen se agocha detrás do blog:

un relato
e uns poemas

22.12.05

miccionario

parece que cobra boa vida este blog dun bo amigo.

que a súa boa vida sexa, tamén, longa.

nadal

non teño, como lles pasa a moitos, unha especial aversión polo nadal.

tampouco é que me interese en particular. en xeral, tendo a incluír o nadal na lista das tradicións que foron devindo simplemente excusas para exercer o noso consumismo irredento.

e o certo é que sempre o pasei ben no nadal. era unha ocasión para encontrarse cos parentes que non vías o resto do ano, que as tías vellas che esmagasen as meixelas "como se parece a su mamá", etc. a min todo iso paréceme moi ben que suceda e, aínda que doian as meixelas, en realidade creo que a todos nos gusta que os demais nos queiran e o expresen.

eu o único que vou propoñer (e de verdade que faría unha campaña seria ao respecto) é que se eliminen as decoracións de nadal das rúas. cando menos así como estamos afeitos a velas.

por unha banda, creo que obrigar á peña a escoitar panxoliñas é un exceso propio da laranxa mecánica. xa abonda con escoitalas no corte inglés (unha e outra vez as mesmas cancións, non é que teñan un só disco, é que é un single, joder!).

pero, sobre todo, creo que habería que eliminar as iluminacións. xa non só porque sexan horteras,
que o son,
e moito,
case todas,
senón porque significan un gasto enorme para os concellos e, sobre todo, un derroche completamente inxustificábel de enerxía, ergo, contaminación.

hai quen di que os comerciantes se queixarían. eu digo que se un concello fai unha campaña publicitaria ben feita anunciando a toda voz que se vai doar o que se aforre de enerxía eléctrica... non sei... para facer saneamento nun bairro periférico de quito, por exemplo, eu iría a ese concello a mercar só para solidarizarme coa iniciativa.

mesmo luces e son poderían substituírse, se non queda máis remedio, por outros artiluxios que non consuman enerxía, por exemplo.

non poderiamos facer esa campaña para o ano que vén? credes que non tería éxito?

eu prometo que, se para o ano me toca o gordo, destino un bo anaco a esa campaña.

21.12.05

xantanza

onte mariademallou protestoume por non poñer un post sobre a xantanza.

pero é que pouco podo agregar a maiores do que xa din os veciños.

igual falar ben do augardente, que eu non me decantei polo licor café. pero en fin...

e que prometo tunear un chisquiño o ollo da vaca. a ver que dou feito.

foi un pracer coñecervos. iso si.

18.12.05

falar con precisión

o outro día alguén falaba por ahí d'ohqtomr chamándoo así: "ohqtomr". nononon, diso nada, só eu teño dereito a utilizar tal nome. para os demais (mesmo para ohqtomr) procede dicir "ohqtordv".

é coma se eu dixese que estou "ensimismada". eu non podo estar ensimismada. enmimismada, en todo caso.

con referencia á fonte

hoxa na voz sae un artigo de nacho mirás sobre os nomes dos parentes con información quitada do post que escribín hai unhas semanas ao respecto.

algún apunte adicional. non é viábel o csv que un anónimo propón por aí porque a maioría dos nomes das vacas non son só "chenoa" senón, como aparece no artigo, "chenoa 254", así que o group by non funciona moi aló.

e si, claro, seguro que moitas vacas cos nomes que se propoñen haberá. pero é que fixen a procura coas cousas que se me iban ocorrendo e en fin... a imaxinación é infinita.

non prometo moito, que sabediós, pero aínda queda por investigar na táboa de touros e mais parece que poderei botar un ollo nunha base de datos que me dixeron onde hai galiñas, cochos, cabalos e demais veciños. a ver se dá de si o asunto.

ps: puxen no primeiro parágrafo deste post máis ligazóns, creo, das que puxen na miña vida de vaca. en homenaxe a ascárida, van todas sen target="_blank". pero non senta precendente.

15.12.05

(ex)patronadas

o xornal que distribúe hoxe o libro d'ohqtomr, titula na primeira co exhabrupto do ex-patrón.

de que ou quen fala mal o tal titular?
o xornal que distribúe hoxe o libro d'ohqtomr, titula na primeira co exhabrupto do ex-patrón.

de que ou quen fala mal o tal titular?

11.12.05

desinteresadamente

esta vaca pensa que igual ohqtomr se pon contento de vervos aquí:
xoves 15, 19:30, casino de humidtown

10.12.05

xaponés

o ollo da vaca escríbese así en xaponés:

ben, en realidade non teño nin idea se se escribe así en xaponés.
si podo asegurar que ollo se escribe así
e mais que vaca se escribe así

o resto, pura especulación imaxinaria.

catro argumentos para cambiar de estado de ánimo

algunhas van adicadas directamente... todas van adicadas en xeral.
as tiras son da serie "macanudo" de liniers e están publicadas no libro nº 2

6.12.05

final e principio

xa estou moi preto do final.

a posta a punto da base de datos deu algúns quebradoiros de cabeza, houbo dúas ocasións de buscar agullas na palleira pero apareceron. non sen esforzo.

pasou o día da constitución. e non veu marianito a dicirme que non santifico as festas.

o día gris mudou en noite fría. non queda moito para voltar á casa. tuñón e avilés estarán xa durmindo pero aínda tuñón é quen de espertar e poñerse a cantar se acendo o ordenador na sala.

non creo. estou demasiado canso. e teño o corpo triste.

creo que vou meterme na cama e matar a soidade durmindo.

mañá vén a xente por aquí para empezar a usar o novo programa e seguro que vai haber pouco tempo para deterse nestas dores tan burguesas.

as críticas

hai un anaco deixei un comentario para o post anterior a propósito dun espectáculo teatral que fun ver onte.

pero quedei cun estraño sabor de boca despois de premer o botón de "publicar".

non me gusta ser duro falando de actores, esa xente que se deixa moitas cousas enriba do escenario cada vez que se apagan as luces da sala.

sei que algúns opinarán que teño dereito a ser duro, que á fin e ao cabo eu pago unha entrada e teño dereito a un bo espectáculo, que teño dereito a opinar, que o traballo dun artista (da arte que sexa) é un asunto público, etc.

pero, en xeral, prefiro operar partindo da honestidade do traballo da xente e iso faime un algo pudoroso á hora de ser crítico en público.

case diría que me arrepinto un algo de ter publicado ese comentario. non por iso vou ir agora e borralo.

fai parte das eternas contradicións do ollo da vaca. ups! estaba a piques de escribir "que fan que sexa máis humano"... mi má!

5.12.05

traballo (cont.)

o traballo da fin de semana alóngase. hoxe todo o día. mañá tamén.

pero xa estou máis preto do final.

xa teño listos os partos, as lactacións, os controis (uns tipos da xunta van mes a mes indagar canto producen as vacas e tomar mostras do leite) e agora estou coas análises desas mostras de leite.

son moitísimos datos e cada proceso é moito máis longo.

estou pensando que vou dar unha volta pola consellería de educación que deixei esta mañá cousas a medias mentres fago tempo para que remate un proceso que acabo de lanzar.

teño no corpo unha estraña mestura de cansazo e tristura. terá reparación?

"la asignatura pendiente"

"el país" publicaba onte un artigo a propósito dos recentes cambios de gabinete no goberno arxentino. un aparte desta nova, titulado "la asignatura pendiente", referíase ao anunciado aumento das tarifas dos servizos que ofrecen as empresas privatizadas.

había unha vez unha cousa que se chamaba xornalismo independente. eu hai tempo que non busco independencia en "el país", xornal ao que adoito chamar (dende o ano pasado, enténdese), "boletín oficial del estado".

pero eu consideraba que era un xornal de esquerdas.

o titular mencionado deixa clarísimo que os compromisos do xornal cos grupos empresarios españois quedan moi por riba de calquera ideoloxía.

como se pode dicir -sen poñerse de todas as cores- que "la asignatura pendiente" do goberno arxentino é conceder unha subida de tarifas ás empresas privatizadas?

lémbrovos:
-que esas empresas (europeas todas, españolas a maioría) mercaron as empresas públicas en arxentina por migallas a un goberno infinitamente corrupto,
-que durante anos (os que durou o tal goberno e algúns máis) embolsaron (e sacaron do país) millóns e millóns de euros incumplindo, entre outras cousas, os compromisos de reinversión e modernización asinados nos contratos de compra.
-que presionaron durante anos para manter un valor irreal da moeda que garantizase os seus beneficios ao tempo que destruía o pouco que quedaba do tecido industrial arxentino e pechaba os mercados exportadores do país.

digo eu, "la asignatura pendiente" do goberno arxentino non será a fame e a exclusión de sectores cada vez maiores da poboación (froito de políticas que só buscaban soster o beneficio desas mesmas empresas que agora reclaman maiores ingresos)?
"la asignatura pendiente" do goberno arxentino non será a reconstrución do tecido de servizos de saúde?
"la asignatura pendiente" do goberno arxentino non será a mellora e modernización da educación? non será a creación de postos de traballo decentes que quiten da marxinalidade a millóns de persoas?

onde está a ideoloxía de esquerdas de "el país"?

4.12.05

campaña

si señor. a vaca súmase con entusiasmo a esta campaña en prol do dominio galego na internet (.gz, sobre todo, claro)

e fai notar que ten orixe nos galegos da emigración.

iso debería producirnos alegría pero a realidade é que, a min e mais a'ohqtomr, maiormente nos ruboriza un pouquiño.

os nomes dos parentes

por iniciativa d'o pito, velaquí algúns datos curiosos dos nomes das vacas (case 600.000) que ten a base de datos coa que ando esta fin de semana.

nomes máis repetidos

6470 paloma
5850 linda
5787 pinta
5345 blanca
4402 cuca
4185 lucera

outros nomes pouco orixinais son marquesa (3687), luna (3533, 453 chámanse lúa), perla (3305), mora (3257), pastora (3219), negra (3071), morena (2730), parrula (2703), mona (2640), romera (2552), morita (2481), princesa (2465), estrella (2422, e hai 59 "estrela"), careta (2377), diana (2347), bonita (2341), nova (2182), cachorra (2055), pichona (2007), gallarda (1941), rula (1917), mimosa (1815), mariposa (1649, 287 chámanse "volvoreta" ou "bolboreta") e roxa (1420).

221 vacas nadas a partir de 2002 levan por nome chenoa. o curioso é que, cando empezou a primeira edición de o.t. xa existían rexistradas aquí oito vacas con ese nome. iso é ter visión de futuro.

aínda non lle puxeron "leonor" a ningunha vaca nada en 2005.

trece vacas chámanse "prestige". seis delas naceron entre novembro de 2002 e febreiro de 2003.

unha vaca que naceu o 16/10/2002 chámase "nunca máis". tres posibilidades: 1) ten mal a data de nacemento na base de datos, 2) cambiáronlle o nome despois, 3) é de rapel.

hai outra que se chama "nunca máis" pero, esta si naceu en 2003.

151 vacas chámanse "rosalía".

120 vacas chámanse "novela" e unha só "poesía"! tal e como no sistema editorial.

3.12.05

traballo de fin de semana (capítulo 1)

despois de 8 horas de curre podo dicir que o sábado está a ser produtivo.

produtivo para a empresa para a que traballo. e mais para a dependencia da xunta á que lle estou a facer o traballo. á xente de "recursos humanos" gustaríalla que eu pensase que tamén o está a ser para min, pero non lles vou dar ese gusto.

xa teño listas as explotacións gandeiras, os titulares de cada unha, todas coas súas vacas e os touros. agora que están todos xuntos, vacas e touros, na base de datos empeza a festa.

xa levo preto dun millón de inseminacións.

en canto remate (quédanme sobre dous millóns e pico), podo marchar para a casa.

non terei tarde enteira de sofá, está visto, pero igual dá para ver algunha pilícula.

por escrito

escribo unha mensaxe directa e do outro lado, silencio.

empezan inmediatamente as especulacións.

será que non mirou o correo? cando será que o volva mirar, logo? será que quedou en puntos suspensivos ao ler a mensaxe? será que tiña que esperar un pouco para enviarlle unha mensaxe "directa"?

ou será que a mensaxe non era tan directa?

botando unha ollada no pasado sospeito que está última opción ten moitos boletos para gañar a poxa.

botando unha ollada no presente igual ten posibilidades de gañar a penúltima.

entendo por que é que a xente fai estas cousas aos vintepico. cando un ten xa á vista a porta de entrada aos corenta todo é moito máis duro (e decote síntese un moito máis ridículo).

con folerpa

onte pola noite o humano que transcribe os meus remoementos (ohqtomr) pasou pola biblioteca municipal de carral a curiosear na entrega do premio de poesía que levou folerpa. foi un encontro bonito, di (as vacas non podemos asistir porque a biblioteca está no andar superior da casa da cultura e as escaleiras son algo estreitas e o ascensor, pequeno).

presentábase tamén o "breviario de aldemunde" de xurxo alonso, que gañara o ano anterior. folerpa estivo moi ameno falando do seu libro, abriunos o apetito. estamos xa querendo lelo pero haberá que esperar máis ou menos a maio, segundo dixo o editor.

"o libro de xurxo é un bo libro" (vale, deixamos opinar a'ohqtomr, que vai dicir el que foi parte do xurado que o premiou). poesía-fantástica, crea mundos, personaxes, ...

nesas presentacións do concello de carral sempre regalan un exemplar do libro aos asistentes, así que lle pedín a'ohqtomr que collese tamén un para torredebabel, así imos armándolle unha pequena colección que el lle levará cando vaia a buenos aires.

terá que ter paciencia torredebabel (e mais ohqtomr). aínda non se sabe cando será a viaxe pero con toda seguridade non antes do verán (galego). a'ohqtomr gustaríalle que fose na primavera (porteña) pero non sei se dará convencido aos xefes. todo se andará.

ocórreseme que a xente que poida colaborar a facérmoslle unha pequena biblioteca galega a torredebabel podería poñerse en contacto comigo no enderezo do blog... no é que ohqtomr poida levar demasiada equipaxe, pero o que se dea feito...

1.12.05

chuvia

alóngase indefinidamente a tarde de chuvia en humidtown. a semana non me remata nunca. precisaba marchar para a casa e deitarme cedo.

aínda teño que rematar unhas postaliñas que estou preparando para a presentación do libro e, como siga así, non vou facer a tempo de imprimilas.

esta fin de semana, sospeito, vou sucumbir á chamada do sofá. unhas cantas pelis no vídeo, pouco máis fai falta...

ou terei que vir traballar sábado e domingo?

a resposta, no próximo capítulo.